27 de agosto de 2013

VI REGATA INTERNACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS DE BARCOS CLÁSICOS E DE ÉPOCA


A embarcación francesa Cyrenne proclamouse vencedora absoluta deste torneo organizado polo Club Náutico de San Vicente, que dominou na clase “Ons”. Nas outras dúas categorías da competición, os primeiros postos foron para o Arosa X e o Acali.
Redacción: Todogrove.com

 

Un total de 35 barcos clásicos e de época, incluído a destacada representación chegada deste o Yatch Club Classique de La Rochelle, déronse cita esta fin de semana en San Vicente para participar na VI Regata Illas Atlánticas Red Eléctrica de España de barcos clásicos e de época, que na tarde deste domingo celebrou a súa clausura despois de dúas xornadas de navegación.
A primeira etapa, que tivo lugar na mañá do sábado, consistiu nun percorrido de 18 millas con meta en Sanxenxo, previo periplo polas proximidades de Ons. Desta primeira xornada xa saíu como líder o barco francés Cyrenne, de Jean Le Minor, que ademais de ser o máis rápido en tempo real resultou tamén o mellor en tempo compensado, tanto na súa clase, a chamada “Ons”, como na clasificación xeral.
A fronte das outras dúas categorías da competición, a “Sálvora” e a “Cíes”, situáronse ao remate desta primeira xornada o Arosa X de Luis Tourón e o Acali de Santiago Tomé, respectivamente.
Ningún destes tres barcos abandonou o liderado da súa clase na segunda e última etapa, que onte levou aos participantes a realizar un percorrido de 13,4 millas polo entorno da Lanzada, Sálvora e Ons. De feito, tanto o Arosa X como o Acali foron de novo os mellores das súas categorías. Non así o gañador final do torneo, o Cyrenne, que se mantivo como o mellor no cómputo xeral do Trofeo Mercedes-Benz a pesar de rematar esta etapa como terceiro da súa clase, por detrás do tamén francés Bryell e do Pingüino Uno.



Entrega de premios
Chegados os barcos as instalacións de Pedras Negras, cumpría despedir ata o ano que vén aos participantes nesta regata para barcos clásicos que contou coa colaboración de Xunta, Deputación e Concello a través do pertinente acto de entrega de premios e trofeos, que presidiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.


Clasificación xeral
CLASE ONS:
1º) CYRENE (deseño Pichavant - Jean Le Minor – Y.C. Classique La Rochelle), 4,8 puntos.
2º) PINGÜINO UNO (German Frers – Carlos Romero - CM Canido), 4,8 puntos.
3º) BRYELL (deseño Franz Maas – Jeome Cathalá - Y.C. Classique La Rochelle), 7,2 puntos.
4º) TANGO (Sparkman&Stefens – Miguel Ángel Pérez – CN Punta Lagoa), 8,4 puntos.
5º) NOCTURNE (Jolina Class – Enrique Barreiro – CN Combarro), 12 puntos.

CLASE SÁLVORA
1º) AROSA X (Tofinof- Luis Tourón – RCN Palma), 2,4 puntos.
2º) ZARA OF ARRÁN (Clyde OD – Leopoldo Pita – Agabace), 6 puntos.
3º) RANA (Folkboat de Xaquín López – Agabace), 14,4 puntos-

CLASE CÍES
1º) ACALI (Sparkman&Stephens – Santiago Tomé – Agabace), 2,4 puntos.
2º) ROSINA (Mossental Marine – Manuel García Lastra – RCM Aguete), 4,8 puntos.
3º) LECER UNO (Tiki 21 - Angel Guesalaga – Agabace ), 9,6 puntos.